Homenaxe Di2020: Fernández Mazas

Cándido Fernández Mazas

Ourense, 1902 – Castro Caldelas, 1942

Artista e escritor, colaborou como ilustrador en publicacións como Nós ou Alfar. Formou parte (xunto a artistas como Luís Huici, Francisco Miguel ou Luís Seoane) da xeración do 30, renovadora da plástica galega. Ilustrou numerosos libros e asinou baixo distintos pseudónimos en xornais como La Zarpa, Galicia, El Pueblo Gallego ou Política. En 1925 obtivo unha bolsa para estudar arte en París, onde depurou o seu debuxo e coñeceu artistas da vangarda como Robert Delaunay ou Tristan Tzara.

 

Cartel de Retablo de Fantoches (1934) e viñeta do xornal La Zarpa (1925)

Heterodoxo e libertario, Mazas atopou na viñeta de prensa un espazo onde xuntar palabras e liñas, ideario político e talento gráfico. Tamén escribiu textos teatrais e crítica de arte, e foi un habitual nos faladoiros de Valle-Inclán e Gómez de la Serna. Durante a Segunda República, participou nas actividades culturais das «Misións pedagóxicas» realizando carteis e decorados para o seu teatro de monicreques. A Guerra Civil truncou a publicación do seu libro de debuxos satíricos Ellos o la España de Heraclio Fournier.

A súa saúde psíquica e física quedou seriamente afectada pola guerra: en 1939 foi encarcerado en Valencia e liberado meses máis tarde grazas á mediación de amigos e familia. Morreu na súa casa familiar de Casas do Penedo (Ourense) sen chegar a cumprir os corenta anos.

Fernández Mazas foi esquecido durante décadas tras a súa morte. A finais dos anos oitenta, unha serie de obras, editadas grazas sobre todo ao esforzo do seu irmán Armando, recuperaron a súa figura, creativa, senlleira, profunda e múltiple.

candidofernandezmazas.com

Bibliografía básica:

  • BOUZAS, José Manuel: Cándido Fernández Mazas: vangarda, militancia e esquecemento. 1902-1942, A Coruña: Fundación Caixa Galicia, 2002.
  • FERNÁNDEZ MAZAS, Armando: Vida y obra del pintor Fernández Mazas, Ourense: Andoriña, 1990.
  • —: Dibujos de París 1925/1927. Cándido Fernández Mazas, Ourense: Andoriña, 1993.
  • GURMÉNDEZ, Carlos: Fernández Mazas, Sada: Ediciós do Castro, 1981.
  • Os artistas de Ánxel Casal: arte e edición nunha Galiza entusiasmada, Santiago de Compostela: Concello de Santiago de Compostela – Auditorio de Galicia, 2005.

Exposición «Cándido Fernández Mazas: signos dunha quimera»

A Biblioteca de Galicia acolle a exposición «Cándido Fernández Mazas: signos dunha quimera». A mostra recolle documentos, libros, imaxes e obras de Fernández Mazas que forman parte da colección da Biblioteca e Arquivo de Galicia.

Sala de Exposicións da Biblioteca de Galicia (Monte Gaiás)
Do 30 de xaneiro ao 29 de maio de 2020
De 8:00 a 21:00, entrada libre e gratuíta
Inauguración: 30 de xaneiro ás 11:00

 

Charla «Cándido Fernández Mazas: vida e obra»

Con José Manuel Bouzas. Especialista en Fernández Mazas, foi comisario da exposición «Cándido Fernández Mazas: vangarda, militancia e esquecemento».

EASD Antonio Faílde, Ourense
29 de xaneiro de 2020
12:00, entrada libre e gratuíta

Vídeo-homenaxe Día da Ilustración 2020: Cándido Fernández Mazas


Breve vídeo [2 min 21 s] que supón un percorrido pola vida e a obra deste ilustrador ourensán. O vídeo tamén pode verse na exposición «Cándido Fernández Mazas: signos dunha quimera» na Biblioteca de Galicia.

É unha produción da AGPI e a Dirección Xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia.